Project Description

 

Discursos en acción converterá a sala de cinema de Numax nun espazo onde ensaiar propostas a medio camiño entre o divulgativo, o artístico, o escénico ou o audiovisual.

Esta será unha das primeiras ocasións nas que o formato de conferencia performativa se poderá gozar en Galicia. A mestura entre arte e acción trouxo a partir dos anos sesenta moitas posibilidades a un discurso creativo que até ese momento tiña a pintura como raíña indiscutíbel das artes plásticas. Retomouse o pulo creativo das vangardas históricas e recolleuse o testemuño da innovación. A aparición da arte conceptual puxo en valor a arte non obxectual, a idea e o proceso como escenarios privilexiados de finais do século XX. A palabra converteuse en materia artística, recobrando o interese posto nela na primeira parte do século co Dadá ou co Surrealismo.

Xunto á palabra e á idea como materias da arte aparece tamén o valor da acción. A finais dos cincuenta cos happenings exercítase un movemento da arte fóra do museo que non tería fin e que se seguiría desenvolvendo nos seguintes anos coa performance, a videoarte, o activismo feminista e exercicios como os das conferencias performativas. O emprego dos medios artísticos para transformar a conferencia clásica con dinámicas que axudan a acoller unha mensaxe por parte dun auditorio é clave nestas accións, cuxa relación co texto é tamén fundamental. Pero nas conferencias performativas non importan só as palabras senón todo o que acontece para reformular as propostas e, ao tempo, introducir as persoas espectadoras no espazo que a artista desexa.

Empregando medios propios da escena e do teatro, usos da linguaxe publicitaria e a compoñente propia dos happenings e da arte de acción, as conferencias performativas fan de cada momento algo irrepetíbel. Este espírito rompedor do século XX é o que quere recoller o ciclo Discursos en acción.

Seis artistas para dúas citas
Seis importantes nomes da arte contemporánea galega encargaranse de darlle vida aos Discursos en acción: Misha Bies Golas, Macarena Montesinos, Jacobo Bugarín, Suso Fandiño, Xisela Franco e Alejandra Pombo. Todos habitan na súa práctica territorios híbridos onde mesturan disciplinas. Doutra banda, a experimentación nas súas obras é constante: adoito reinterpretan as posibilidades dos medios cos que traballan.

Sábado 4 de xullo

11.30h Macarena Montesinos Memorias dunha amnésica

13.00h Suso Fandiño Os pintores da vida moderna. A cultura de masas nas orixes das vangardas

16.00h Alejandra Pombo A importancia de ser iceberg

Máis información en NUMAX

Descargar pdf