Project Description
As residencias In situ de artes vivas da Cooperativa Performa teñen como obxectivo principal xerar un espazo de intercambio cultural, de pensamento, e de creación artística.
O concurso In situ de residencias de artes vivas quere establecerse como un concurso dirixido a artistas de todos os eidos creativos que traballen no marco das artes vivas.
O concurso formúlase como un procedemento de concorrencia aberta ao que poderán presentarse as e os artistas galegos ou residentes en Galicia que envíen un proxecto que teña como base a cidade de Santiago de Compostela e os seus entornos rurais. O proxecto terá que ser capaz de xerar intercambio cultural e creativo, prestando especial atención a aqueles que traballen aspectos relacionados co patrimonio artístico e natural do entorno de Santiago e á difusión de experiencias que fomenten o diálogo artístico e intercultural.
Tamén será necesaria a presentación dunha actividade didáctica que ao fío do proxecto axude a participación de colectivos sociais que o artista terá que desenvolver.
O resultado da residencia In situ será presentado na Fundación DIDAC e na vindeira edición de Plataforma, o festival de artes performativas de Santiago de Compostela, para poder darlle máis relevancia e visibilidade a proposta.
O concurso In situ está destinado a residencias de artes vivas, polo que o carácter procesual dos proxectos que se desenvolverán ao seu abeiro é determinante para a xeración de contidos susceptibles de presentación pública e garantindo un carácter participativo e aberto das obras.
En consonancia cos obxectivos da Cooperativa Performa e desta convocatoria o comité de selección de proxectos composto polos membros da cooperativa Performa terá en conta á hora da avaliación:
. Que os proxectos escollidos estean en consonancia cos intereses do Festival Plataforma 2025.
. Que a actividade didáctica teña en conta criterios participativos.
. Que os proxectos sexan sustentables tanto no seu desenvolvemento, como na súa realización final.
. Que o proxecto teña en conta criterios de inclusión e igualdade.
Todo o acontecido será difundido a través das redes sociais e da páxina web da Cooperativa Performa así como a través de medios de comunicación. A páxina web da Cooperativa Performa recollerá material gráfico das residencias dende a posta en marcha da actividade coa publicación da convocatoria e as bases da mesma.
Durante a fase de residencia a Cooperativa Performa e os responsables do proxecto seleccionado realizarán un seguimento gráfico da actividade que faga posible unha conexión cos futuros públicos.
A Cooperativa Performa porá a disposición do artista seleccionado o espazo que poida precisar para desenvolver a súa investigación, o seu proceso de traballo durante unha semana e se fará cargo do aloxamento necesario durante eses días.
A Cooperativa Performa comprométese a presentar a proposta artística resultante dese proceso de residencia na Fundación DIDAC e no Plataforma. Festival de artes performativas. Os artistas recibirán uns honorarios de 1 000 €.
Os proxectos deben presentarse antes do 1 de outubro e a residencia desenvolveranse no mes de decembro deste mesmo ano, en datas acordadas entre os/as artistas e a organización. Os membros da cooperativa serán os encargados de facer a selección de propostas, atendendo a adecuación ás bases, o interese artístico, a innovación e a viabilidade das propostas. O fallo será inapelable. O artista seleccionado terá que aceptar por escrito a concesión desta axuda, en caso de que non poida desenvolver a residencia nas datas acordadas, haberá proxectos en reserva. As residencias non poderán quedar desertas.
Cada artista ou colectivo deberá enviar antes da data sinalada un PDF indicando datos de contacto como correo electrónico, teléfono, lugar de residencia. Deberá incluír un proxecto, explicando nunha páxina os pormenores do motivo da solicitude da residencia e as persoas implicadas, tamén o CV dos/as artistas, unha proposta de accións a realizar coa cidadanía. A extensión máxima da documentación en PDF non debe ser superior a 6 páxinas. Toda a documentación deberá ser enviada ao correo info@performa.gal
A Cooperativa Performa (Mónica Maneiro e Iñaki Martínez) está integrada por un equipo de profesionais que desenvolven a súa actividade no campo da cultura e a innovación, e realizan traballos de consultoría, xestión, produción, comunicación e deseño, centrados no desenvolvemento estratéxico, conceptual e a xestión integral de programacións, proxectos culturais, educativos e de innovación empresarial. Como equipo capaz de xerar contidos están especializados no asesoramento, organización, deseño, produción e posta en marcha de programacións institucionais, festivais, exposicións e actividades, relacionados coa arte, as artes vivas, e outras disciplinas creativas. A súa tarefa como produtores e xestores culturais baséase na coordinación e organización de todos os recursos que interveñen no proceso de produción e creación, proporcionando respostas económicas, materiais e humanas ao desenvolvemento e execución de cada proxecto.
A Cooperativa Performa dirixe desde 2020 Plataforma, o festival de artes performativas que se celebra en Santiago de Compostela con artistas como Janet Novás, Paula Quintas, María Roja, Amaya González Reyes, Bárbara Bañuelos, Laia Estruch, Daniel García Andújar, Macarena Montesinos, Alejandra Pombo, Antón Reixa, Berio Molina, Rodríguez-Méndez, Juan López, Vasco Araújo, Carme Nogueira, Patricia Esquivias, Pilar Albarracín, Marta Fernández Calvo, María Salgado e Fran MM Cabeza de Vaca, Cabello/Carceller, Loreto Martínez Troncoso e Elena Biserna, a Orquestra Galega de Liberación, Vertixe Sonora, Olga Mesa ou La Ribot entre outros participantes. Actualmente está preparando a VI edición do festival para o ano 2025.
Entre os seus proxectos realizados figuran o comisariado das exposicións Correspondencias. Tino Grandío (2023), O museo como escenario (2022) e Accións peregrinas de Pilar Albarracín (2021) no CGAC, Visións inéditas, proxecto audiovisual con Jaione Camborda, Xisela Franco, Lois Patiño e Alfonso Zarauza; o comisariado do proxecto Residencias In Situ con Teresa Búa, Roi Fernández e Verónica Ruth Frías e da exposición El mejor trabajo del mundo de Cristina Garrido na Fundación DIDAC, o ciclo de conferencias performativas “Discursos en acción” en NUMAX, ou o Encontro de Artes no Territorio en As Neves.
Ademais realizou os comisariados dos proxectos de Isidro Blasco no Centro de Cultura Contemporánea CondeDuque e as intervencións de Nuria Mora, Sandra Cinto e Albano Afonso en La Casa Encendida, estes últimos dentro do Festival MadBlue en Madrid. Tamén se encargou da sección de arte das dúas edicións do festival Esférica en Rioja Alavesa (2021 e 2022), do festival Deleste en Valencia (2022) e do 17 Grados. Ribeira Sacra (2023).