Residencias in situ

As residencias In situ de artes vivas da Cooperativa Performa teñen como obxectivo principal xerar un espazo de intercambio cultural, de pensamento, e de creación artística.

O concurso In situ de residencias de artes vivas quere establecerse como un concurso dirixido a artistas de todos os eidos creativos que traballen no marco das artes vivas.

O concurso formúlase como un procedemento de concorrencia aberta ao que poderán presentarse creadores residentes en Galicia que envíen un proxecto que teña como base a cidade de Santiago de Compostela e os seus entornos rurais. O proxecto terá que ser capaz de xerar intercambio cultural e creativo, prestando especial atención a aqueles que traballen aspectos relacionados co patrimonio artístico e natural do entorno de Santiago e á difusión de experiencias que fomenten o diálogo artístico e intercultural.

Tamén será necesaria a presentación dunha actividade didáctica que ao fío do proxecto axude á participación de colectivos sociais que terá que desenvolverse.

O resultado da residencia In situ será presentado na Fundación DIDAC e na quinta edición de Plataforma, o festival de artes performativas de Santiago de Compostela, para poder darlle máis relevancia e visibilidade a proposta.

O concurso In situ está destinado a residencias de artes vivas, polo que o carácter procesual dos proxectos que se desenvolverán ao seu abeiro é determinante para a xeración de contidos susceptibles de presentación pública e garantindo un carácter participativo e aberto das obras.

En consonancia cos obxectivos da Cooperativa Performa e desta convocatoria o comité de selección de proxectos composto polos membros da cooperativa Performa terá en conta á hora da avaliación:

  • Que os proxectos escollidos estean en consonancia cos intereses do Festival Plataforma 2024.
  • Que a actividade didáctica teña en conta criterios participativos.
  • Que os proxectos sexan sustentables tanto no seu desenvolvemento, como na súa realización final.
  • Que o proxecto teña en conta criterios de inclusión e igualdade.

Todo o acontecido será difundido a través das redes sociais e da páxina web da Cooperativa Performa así como a través de medios de comunicación. A páxina web da Cooperativa Performa recollerá material gráfico das residencias dende a posta en marcha da actividade coa publicación da convocatoria e as bases da mesma.

Durante a fase de residencia a Cooperativa Performa e os responsables do proxecto seleccionado realizarán un seguimento gráfico da actividade que faga posible unha conexión cos futuros públicos.

A Cooperativa Performa porá a disposición do proxecto seleccionado o espazo que poida precisar para desenvolverse a súa investigación e o seu proceso de traballo durante unha semana.

A Cooperativa Performa comprométese a presentar a proposta artística resultante dese proceso de residencia na Fundación DIDAC e no Plataforma. Festival de artes performativas. Os artistas recibirán uns honorarios de 800 €.

Os proxectos deben presentarse antes do 22 de novembro de 2023 e a residencia desenvolveranse no mes de decembro deste mesmo ano, en datas acordadas entre os/as artistas e a organización. Un xurado de expertos será o encargado de facer a selección de propostas, atendendo a adecuación ás bases, o interese artístico, a innovación e a viabilidade das propostas. O fallo será inapelable. O/A artista seleccionado/a terá que aceptar por escrito a concesión desta axuda, en caso de que non poida desenvolver a residencia nas datas acordadas, haberá proxectos en reserva. As residencias non poderán quedar desertas.

Para a participación deberase ENCHER O FORMULARIO antes da data sinalada indicando datos de contacto como correo electrónico, teléfono, lugar de residencia e deberá incluír un proxecto, explicando nunha páxina os pormenores do motivo da solicitude da residencia e as persoas implicadas, tamén o CV dos/as artistas, unha proposta de accións a realizar coa cidadanía. A extensión máxima da documentación en PDF non debe ser superior a 6 páxinas.

Calquera dúbida poderase resolver escribindo ao correo electrónico info@performa.gal